Consellería de Sanidade


08 Nov 2012 / Xunta de Galicia / Sede COFIGA
DECRETO 207/2012, do 18 de outubro, polo que se modifica o Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, de organización do Sistema acreditador da formación continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia. Por medio do Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, procedeuse a regular a organización do Sistema acreditador da formación continuada dos/as profesionais sanitarios/as na Comunidade Autónoma de Galicia, e creouse a Comisión Autonómica de Formación Continuada como órgano administrativo asesor da Consellería de Sanidade, con competencias para a acreditación da formación continuada dos/as profesionais sanitarios/as. O artigo 33 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias (LOPS), determina que a formación continuada nas profesións sanitarias é o proceso de ensino e aprendizaxe activa e permanente a que teñen dereito e obriga os/as profesionais, destinado a actualizar e mellorar coñecementos, habilidades e actitudes ante a evolución científica e tecnolóxica e as demandas e necesidades, tanto sociais coma do propio sistema sanitario. O artigo 35.1 da mesma lei determina que o Ministerio de Sanidade e Consumo e os órganos competentes das comunidades autónomas, no ámbito das súas respectivas competencias, poderán acreditar actividades e programas de actuación en materia de formación continuada dos profesionais sanitarios, así como, con carácter global, centros nos que as mesmas se impartan. A acreditación, que deberá realizarse necesariamente de acordo cos requisitos, procedemento e criterios establecidos conforme o previsto no artigo 34.4.d), terá efectos en todo o territorio nacional, sexa cal sexa a Administración pública que expedise a acreditación. No mesmo artigo 35 da Lei 44/2003 aparece normativamente prevista a posibilidade de que os órganos competentes das comunidades autónomas deleguen as funcións de xestión e acreditación da formación continuada, incluíndo a expedición de certificacións individuais, noutras corporacións ou institucións de dereito público, de conformidade co que dispón a dita lei e as normas en cada caso aplicables. Os organismos de acreditación da formación continuada serán, en todo caso, independentes dos organismos encargados da provisión das actividades de formación acreditadas por aqueles. Por outra banda, o artigo 5, alínea b) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, establece entre as funcións destes exercer cantas lles sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lles poidan solicitar ou acorden formular por propia iniciativa. Os artigos 7 e 26 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, tamén recolle a posibilidade de establecer delegacións a prol das organizacións colexiais. Os colexios profesionais de médicos e os seus consellos veñen desenvolvendo unha importante tarefa e contan cunha dilatada experiencia no eido da formación dos profesionais e na actualizacións dos seus coñecementos. De feito, tal experiencia formativa posibilitou a acreditación das ensinanzas específicas da formación continuada da profesión médica a través do Sistema español da formación médica continuada (SEAFORMEC), integrado no Sistema de acreditación da Unión Europea de médicos especialistas (UEMS) e noutros sistemas acreditadores de ámbito internacional. O destacado papel e experiencia acumulada polas citadas organizacións, xunto coa súa capacidade organizativa e representativa no colectivo dos profesionais da saúde, pode constituír un recurso axeitado para a dinamización do Sistema acreditador, fomentando a participación dos profesionais no deseño e implementación da súa formación, a través das respectivas institucións corporativas. Para tal fin, procede modificar o Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, polo que se regula a organización do Sistema acreditador da formación continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia. Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de outubro de dous mil doce, DISPOÑO: Artigo único. Modificación do Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, polo que se regula a organización do Sistema acreditador da formación continuada dos/as profesionais sanitarios/as na Comunidade Autónoma de Galicia. O Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, polo que se regula a organización do sistema acreditador da formación continuada dos/as profesionais sanitarios/as na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificado como segue: Un. Engádese un artigo 3 bis ao Decreto 8/2000, do 7 de xaneiro, coa seguinte redacción: «Artigo 3 bis. Delegacións intersubxectivas 1. Mediante as correspondentes ordes de delegación intersubxectivas, e de conformidade co previsto nos artigos 7 e 26 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, poderase delegar nas organizacións colexiais dos profesionais da saúde e nos seus consellos o exercicio das competencias que corresponden aos órganos da Administración autonómica en materia de acreditación da formación continuada dos profesionais sanitarios. 2. As ditas ordes de delegación establecerán os límites e condicións en que se exercerán as competencias que sexan obxecto de delegación. 3. As delegacións que se realicen respectarán en todo caso os requisitos, procedementos e criterios establecidos pola Comisión Nacional de Formación Continuada». Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ao establecido no presente decreto. Disposición derradeira primeira Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento do presente decreto. Disposición derradeira segunda O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, dezaoito de outubro de dous mil doce Alberto Núñez Feijóo Presidente Rocío Mosquera Álvarez Conselleira de Sanidade
La Fisioterapia te da el aire que necesitas