Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia


25 May 2013 / Coro Piñeiro Vázquez. Secretaria xeral de Política Social. / Sede COFIGA
O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia participou no Grupo de Traballo non. º 5. O noso representante nese grupo é Susana Viñas Cid, asesora - coordinadora da dependencia de COFIGA "O Goberno da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar (Secretaría Xeral de Política Social) ven de aprobar o pasado día 16 de maio a estratexia marco para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020, consciente de que o enfoque preventivo é unha das claves máis efectivas para lograr un envellecemento activo e unha forma tamén de atención á dependencia, xa que contribúe a unha autonomía persoal máis duradeira. A abordaxe da Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020, constitúe unha importante responsabilidade social e política e o compromiso cun modelo sociosanitario e educativo mellor preparado para afrontar a prevención desde todos os ámbitos. A razón principal desta decisión atópase na consideración da prevención da dependencia como un acto de priorización de intervencións públicas no ámbito social para a mellora da calidade de vida da poboación galega, así como de racionalidade económica e solidaria coas futuras xeracións. A protección e mellora da calidade de vida das persoas é fundamental para que Galicia poida medrar e ser sostible e cómpre que nesta tarefa se impliquen todas as administracións públicas, as entidades privadas e as persos que integramos o corpo social e político desta comunidade autónoma. O goberno galego, a través desta estratexia, establece unha serie de obxectivos e recomendacións que permitirán orientar a organización e funcionamento dos diferentes servizos (sociais, sanitarios e educativos) cara a unha mellora das condicións de vida das persoas en termos de saúde e autonomía persoal, cara á prevención dos factores de risco e de limitacións funcionais e á atención integral. Son propostas de actuación que se deberán ir concretando nos próximos anos para a consecución dos obxectivos definidos e coa colaboración de todas as administracións, axentes sociais e colectivos implicados. A estes efectos achégase o documento da Estratexia en materia de prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020. A súa elaboración non sería posible sen a participación de todos os departamentos administrativos, entidades, organismos e grupos de investigación que realizaron as súas achegas. Reiteramos, unha vez máis, o noso agradecemento pola súa colaboración. Atentamente, Coro Piñeiro Vázquez Secretaria xeral de Política Social"
La Fisioterapia te da el aire que necesitas